Un sentido adeus para Richard
Un veciño de Muros faleceu o xoves mentres practicaba deporte no pavillón de Esteiro
Un veciño do municipio muradán, Ricardo Núñez Veloso, de 56 anos de idade, faleceu repentinamente na noite do xoves mentres practicaba deporte cuns amigos no pavillón Xosé Lago, en Esteiro.
Un grupo de veteranos xogaban un partido de futbito no polideportivo de Esteiro, como facían todas as semanas, cando, de forma inesperada, un deles, Ricardo Núñez, esborrallouse sobre a pista. Inmediatamente os seus compañeiros prestáronlle auxilio, e ata intentaron reanimalo seguindo as instrucións que lles daba a través do teléfono o 061 mentres esperaban a chegada da ambulancia, pero todo foi inútil.
Segundo confirmaron os amigos, desde que caeu ao chan ata que Veloso faleceu pasaron escasos instantes: «Só vimos como tentaba coller aire impulsivamente, e de súpeto quedou inmóbil sobre a pista».
Ricardo Veloso fora un destacado integrante dos equipos de fútbol do Esteirana en varias categorías, e tamén chegou a adestrar a algún deles. Os seus amigos afirman que era un home sen vicios coñecidos, non fumaba e practicou deporte toda a súa vida. O seu cadáver foi trasladado a Santiago para practicarlle a autopsia, e onte pola tarde recibiu sepultura.
http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2009/11/28/0003_8136399.htm?idioma...